Comezamos cos obradoiros de Bibliopolos Creativos!
O pasado venres demos comezo a iniciativa Bibliopolos Creativos. Trátase dunha proposta de ocio alternativo durante os recreos dos venres, na que o alumnado pode explorar, xogar e aprender a través de materiais diversos.
Neste primeiro obradoiro traballamos coa construción de estruturas usando pezas de Kapla, un xogo de madeira natural que permite crear figuras arquitectónicas sen necesidade de enganches nin suxecións.
A través do xogo con Kapla, o alumnado desenvolve competencias como o pensamento lóxico e espacial, ao ter que planificar as súas construcións e entender como equilibrar as pezas; psicomotricidade fina, mediante a manipulación coidadosa das pezas; creatividade e expresión artística, ao dar forma libre ás súas ideas, colaboración e traballo en equipo, compartindo espazo e recursos, planificando xuntos e respectando os deseños dos demais; resolución de problemas, ao atopar solucións ante estruturas que non se sosteñen ou que necesitan axustes.
Estes obradoiros buscan converter os tempos de lecer en oportunidades de aprendizaxe activa, ao tempo que fomentan un ambiente relaxado, inclusivo e divertido.